lunes, 10 de noviembre de 2014

¿SUMANDO PATRIMONIO?

Aló polo 2009, no lugar de Castrelo, na parroquia de Soesto (Laxe), os arqueólogos encargados de facer unha prospección no trazado da ampliación da estrada AC-433 localizaron unha porta monumental de entrada a un xacemento castrexo da segunda Idade do Ferro que amosa similitudes co castro de Borneiro ou co de Elviña. O achado ten unha hectárea de extensión e os expertos califican os restos aqueolóxicos de "moi ben conservados".(Informe arqueolóxico) Dende entón, o conflito entre patrimonio e o tramo vial está servido.
  • ¿Ata que punto é razoable que os cidadáns teñan que ceder o seu patrimonio cultural cando a Administración leva dende 2009 sen achegar solucións nas que non saia perdendo Laxe?
  • As obras en Castrelo, están a piques de reanudarse..Fiámonos dos acordos técnicos acadados? De non ser así...como nos informamos se o castro vai quedar protexido antes de que sexa un "feito consumado"? Onde están as entidades que velan polo patrimonio, que non se pronuncian publicamente?

(pica para ver LOCALIZACIÓN)
Entrada monumental. Foto: Sole
Este patrimonio que semella que tentan invisibilizar, constitúe un legado colectivo que se condensa nunha historia local, maniféstase nunha serie de costumes e de saberes da nosa terra e materialízase en edificacións e en paisaxes culturais. A importancia deste patrimonio, radica en que posúe a cualidade de singularizar cada un dos nosos pobos e nel pódense leer as antigas formas de vivir e traballar unidas a características económicas e sociopolíticas do devir histórico do pobo galego. É crucial a súa revaloración no contexto actual de "globalización cultural", porque sumar patrimonio é sumar identidade.

A LÓXICA ADMINISTRATIVA


Vista aérea do xacemento (Castrelo)
A existencia do castro coñecíase dende un principio, pois foron os propios veciños quen alertaron do xacemento. Patrimonio encargou unha escavación poñendo de manifesto a importancia do castro. Sen embargo, a "posta en valor" á que fai referencia a Administración autonómica afecta unicamente aos accesos e a entrada do complexo.
Non hai ningunha proposta de escavación prevista para a rehabilitación do asentamento castrexo.
 A polémica chega ao Concello de Laxe no 2013. O alcalde, Antón Carracedo, non logra que o pleno se pronuncie sobre esta obra, mentres a Axencia Galega de Infraestruturas remitiu un informe de 19 páxinas no que ven a defender  a construción dunha «fiestra arqueolóxica» (un paso elevado de 13-15 metros) que salvaría "gran parte" dos restos e solventaría o problema de seguridade viaria. A Xunta descartaba facer así unha circunvalación para protexer o castro de Castrelo.
  • Como o Concello de Laxe non se pronunciou e deixa que lle veñan  facer a política dende fóra? 
  • Como vai xustificar a Xunta que pase a estrada por riba do xacemento propinándolle unha mazada á conservación do patrimonio? Proclamando que o novo vial é progreso?
  • Queda zanxado coa construción dunha "moderna" fiestra arqueolóxica? As fiestras non deixan de ser barreiras que entorpecen a protección e difusión do patrimonio cultural.
Estado do firme antes de ser reparado

A realidade é que mentres as administracións poñen en risco o castro, o vello tramo de estrada está todo estartalado e a seguridade do tráfico é ínfima. Sabendo que o tramo Laxe-Ponte do Porto é de aproximadamente 12.6 km e conta cun investimento como mínimo de 3,5 millóns de euros...
  • Reparar o actual tramo e facer unha senda peonil ou beirarrúas sería a opción lóxica común? Sería máis barato para todos? Máis seguro para os veciños? 
  • Dende a Consellería apoian o novo trazado xustificando así que os núcleos de poboación queden á marxe da estrada por gañar en seguridade vial (coas consecuencias de quedar desconectadas da rede viaria  converterse en "aldeas pantasmas"). Non é seu deber tamén protexer e difundir o patrimonio cultural?
É o seu deber e o de todos/as protexelos nosos bens patrimoniais!!! Onde a Xunta ve un contratempo neste achado, outros/as ven unha posta no valor turístico de Castrelo, que etimoloxicamente procede de "castro" non de estrada.